Renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua. Aportacións do Partido Galeguista

 

24 de abril do 2025

 

Cando falamos de “normalización”, estamos a recoñecer que hai algo que non está como debera e que hai que recolocalo nunha situación de normalidade.

O Conselleiro, na presentación do plan, dixo que o ouxetivo é “avanzar nun novo escenario para o noso idioma”. Isto implica que non se trata só dunha mellora da situación, senón dun novo escenario que sirva pra esa normalización.

Os médicos axudamos a curar ás persoas con dous instrumentos básicos: Diagnóstico e Tratamento, pero hai un terceiro fundamental, que por veces esquencemos: a Epicrise, a reavaliación constante dos resultados no paciente. Esa avaliación é a que nos indica se estamos a facer as cousas ben ou mal, e con algunha frecuencia lévanos a reconsiderar o diagnóstico e/ou o tratamento. Así é: podemos estar moi convencidos de que o diagnóstico foi ben artellado e o tratamento é o máis avanzado, pero se o paciente vai mal, sería temerario ficar satisfeitos co noso diagnóstico e seguir co noso tratamento.

Isto vén sendo unha ilustración de cómo vemos dende o Partido Galeguista a situación do galego:

O paciente está deteriorándose gravemente, e as sucesivas análises do Instituto Galego de Estatística así o amosan: máis da metade da poboación xa non usa o galego, e, o máis preocupante: os mozos e nenos entre 5 e 14 anos usan só o galego nun 7,02%. Información semellante ofrecen os estudos do Consello da Cultura Galega e de Bernardo Penabade.

Algo estamos a facer mal. É irresponsable conformarnos con dicir que o problema é do propio paciente, que nós estamos a facelo ben e a culpa é del, que non cura. Nun servizo oficial nun país no estranxeiro quen lles fala tivo que facer unha radiografía de tórax; cando foi mirala, estaba curtado medio pulmón esquerdo; reclamou que lla repetisen, que centrasen ben o disparo, e a radiografía volveu saír medio curtada; díxolles entón que movesen o ponto de disparo un chisco á dereita, i entón o que saeu curtado foi o pulmón dereito. Xa tocaba poñerse serio e preguntar que estaba pasando, e a resposta foi moi razoable: “Será que vostede ten algo raro”.

Conformarnos con dicir que “será que o pobo galego ten algo raro” pode ser tan consolador como irresponsable.

Non pensar nas próusimas eleccións, senón na próusima xeración

Pero unha das peores cousas que podemos facer co paciente é encetar un tratamento e a medio camiño, en troques de desenrolalo debidamente, cambiar de tratamento porque tivemos unha iluminación. No noso criterio, iso é o que se fixo co Decreto do Plurilingüismo.

Tiñamos un tratamento, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que foi aprobado por unanimidade no 2004. Cando tódolos médicos por unanimidade están dacordo nun tratamento, algo debe de supoñer, e hai que estar moi seguros pra cuestionalo, como se fixo co Decreto do Plurilingüismo. Pero os resultados negativos están á vista, e diso falaremos deseguido.

Sen dúbida hai razóns políticas que esplican o descenso do uso do galego. No Partido Galeguista temos claro que este Grupo de Traballo debe facer propostas de iniciativas a tomar por parte do poder político, e aí entraremos, pero tamén debe entender que o labor deste Grupo é transversal e interdisciplinar.

Cando dicimos que é transversal, referímonos a que a situación é de emerxencia nacional e require a participación de todos. Temos que ser moi claros nas nosas análises e propostas, e así, dende o Partido Galeguista sinalamos con franqueza que a política do goberno galego dende o Decreto do Plurilingüismo leva sido pouco operativa e mesmo lesiva pra o uso do galego, e non é unha avaliación meramente política, senón apoiada nos resultados evidentes. Pero nó-nos podemos permitir quedarnos aí, senón debemos comprometernos todos a reconducir a dinámica pra recuperar pra o galego o lugar que lle corresponde e, se dende o goberno galego se recoñece que o ouxetivo é “avanzar nun novo escenario para o noso idioma”, todos debemos estar dispostos a comprometernos nesa laboura. Parécennos así axeitadas as manifestacións da Academia Galega cando apela a un marco de encontro entre as forzas políticas pra crear unha nova estratexia, diante da situación dun patrimonio común que non admite posicionamentos de siglas ou partidos, senón posicionamentos integradores”.  

E outra vez pódenos valer o exemplo da Mediciña: Cando varios especialistas están a atender a un doente i esta vai mal, non é raro que cada especialista diga: “Do meu vai todo ben, non hai nada que cambiar”, e o paciente morre, pero todos contentos porque cada especialista di que do seu está ben. Non podemos permitirnos isto co galego.

Polo tanto, é bo que analisemos tódolos vectores que inciden no deterioro do uso do galego, que identifiquemos sen reviravoltas o que se fixo e se está a facer ben ou mal, pero cadaquén debe asumir a súa responsabilidade inalienable, como se a vida do paciente dependese fundamentalmente da túa actuación. Debemos afrontar o devalar do galego como un problema nacional transversal, ao que ninguén se debe sentir alleo, e debemos abordalo no con perspectiva das próusimas elecións, senón da próusima xeración. Esa é a actitude, o xeito de estar que como Partido Galeguista asumimos e invitamos a que así o asuma este Grupo reitor da renovación do Plan Xeral de Normalización.

Propostas de medidas políticas

A nosa primeira proposta política é derrogar o Decreto de Plurilingüismo. Os clásicos da Mediciña dicían “Primum non nocere”, o primeiriño, non fastidiala, e non imos debater moito o erro diagnóstico e terapéutico dese decreto, porque a propia evolución do paciente así o vén demostrando.

O miolo dese decreto foi considerar que o galego está en igualdade de condicións e que debemos deixar o galego e o castelán en libre competencia, e todo isto nun entorno de xustificación xeral de evitar a imposición e deixar liberdade; encántanos a todos a liberdade de decisión, pero non hai liberdade de decisión se os intervintes non están en igualdade de condicións.

Este decreto di no seu limiar: “O Decreto 124/2007, do 28 de xuño, orientouse nomeadamente cara á obtención dunha competencia axeitada en lingua galega no ensino obrigatorio, sen o establecemento dun número ou porcentaxe mínima de materias impartidas en lingua castelá, o cal podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía e aceptado por todos os galegos e galegas.” Vén dicir que o castelán non ten garantida a súa igualdade de condicións en Galicia, e que hai que garantirlla e pra iso hai que deixar en libre competencia ó galego e ó español. Isto acompáñase doutras medidas como a eliminación da obrigatoriedade do galego polo persoal interino.

Ademais, estabelece que “na etapa de educación infantil, o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado”. Se nos limitamos a aplicar esta medida, tendo en conta a pendente en caída ceibe do galego entre os máis pequenos, estaremos reforzando aínda máis esa pendente; entraremos nun ciclo retroalimentador que levará á desaparición do galego nun par de xeracións. Se queremos recuperar o galego, temos que estabelecer medidas proactivas de promoción positiva, non conformarnos con que cadaquén use na escola o idioma maioritario na súa contorna.

Semella que se está a ser moi coidadoso na protección do español, no vaia ser que se vexa discriminado, mentres vai esmorecendo a presenza do galego; ó galego déixaselle que sobreviva “en igualdade de condicións”, cando hai décadas que non está en igualdade de condicións. É como se un paciente con pneumonía está a recibir antibiótico e denantes de que cure, decídese: “Imos retirarlle o antibiótico e darlle liberdade pra que se defenda de por si”. Supón un grave erro político e unha irresponsabilidade. E a evolución do paciente así o está demostrando: Hai un devalar mantido no uso do galego, pero nas xeracións novas apréciase unha máis fonda inflesión dende a promulgación deste decreto. Non se debe porfiar, hai que retirar o que está deteriorando ó paciente; insistir teimudamente en que é un bo tratamento, cando ves os resultados negativos, é irresponsable e temerario e non leva a ningures.

Non neutralidade, senón promoción proactiva

Na promoción do galego non procede unha posición de neutralidade: En primeiro lugar, porque é o noso idioma, o que define a nosa identidade nacional.  O idioma define o noso xeito de ver o mundo, de apreixalo, e ún non apreixa o mundo dende varios códigos diferentes, senón dende o código propio; eu falo varios idiomas e levo visitado tódolos continentes, pero tódalas culturas as percibo atraveso da miña cosmovisión, do código de interpretación que levo asentado no meu caletre e no meu corazón, i ese código é o galego, non son o galego, o inglés, o grego, o catalán ou o español por igual, porque me achego a todos eles dende o meu galego; entendo o mundo en galego e podo dende aí comprender o xeito de aprousimarse a el dende o inglés, o catalán ou o español.

En segundo lugar, non procede unha posición de neutralidade como a que sinala o Decreto de Plurilingüismo porque non está ameazado de desaparición en Galicia o español, senón o galego. O miolo da acción política é a fixación de prioridades, e a prioridade neste momento non é a libre concorrencia de idiomas, que está moi ben cando todos están en pé de igualdade; a prioridade dende hai varias décadas é a supervivencia do galego.

A seguinte medida é retornar ó consenso, á unanimidade que se xerou no Plan Xeral de Normalización do 2004, e desenrolalo consonte ca realidade presente e a que se albisca.

E a seguinte é poñer a normalización do galego no lugar xerárquico que lle corresponde, e todos debemos concordar en que lle corresponde un lugar de máxima xerarquía, porque se trata da nosa esencia, do cerne da nosa identidade. E, traducido a medidas políticas, as prioridades en política sinálanse non con brindis ó sol, senón con orzamentos. Hai que poñer no seu sitio as partidas orzamentarias e incrementalas siñificativamente pra este ouxetivo fundamental compartido.

O propio informe do Consello de Europa de hai uns meses reclama unha maior promoción do ensino en galego como lingua vehicular, incorporando as crases neste idioma tamén en materias do entorno da ciencia dende o ensino básico até a universidade.

Unha angueira transversal

Pero non debemos limitar o problema ó ensino; así, o Consello de Europa reclama axeitadamente a normalización do uso do galego na contorna da atención sanitaria, a administración do estado en Galicia e os xulgados.

A recuperación do galego debe ser unha angueira transversal en varios sensos:

No senso dunha participación de tódalas forzas políticas parlamentarias i extraparlamentarias, superando balados ideolóxicos, porque non se trata de gañar unhas eleccións, senón de gañar un país.

Pero tamén no senso dunha acción multisdisciplinar, que non se limite ó ensino, aínda que esta área sexa fundamental. O noso compañeiro Afonso Vázquez Monxardín esprésao moi graficamente: precisamos máis influencers ca lingüistas.

Trátase dun problema integral que require unha abordaxe integral, que leve a:

  • unha estensión do uso do galego
  • un incremento do prestixio social do galego

Este grupo de traballo que vos dirixides deseñou axeitadamente, no noso parecer, unha serie ampla de comisións que non se limitan ó ensino. Non imos desenvolver as nosas propostas pra cada unha delas, pero destacamos tres porque entendemos que son definitivamente estratéxicas: As redes sociais, o mundo empresarial e profesional e a inmigración.

As Redes Sociais

Tódolos mozos que temos consultado indícannos que os mozos cada vez len menos e as súas comunicacións e recollida de información desenvólvenas nas redes sociais. Están afeitos á rapidez e ao efémero; e son gregarios; xúntanse por tribos e atenden maiormente aos da súa.

Animamos a este Grupo de Traballo a que desenrole un programa específico nas Redes Sociais, pero empregando non tanto mensaxes de promoción do galego, senón promocionando que as mensaxes de todo tipo, de tódalas áreas, se transmitan en galego.

Entendemos así que un ouxetivo fundamental sería conseguir que influencers falen do bo que é falar galego, e temos algúns exemplos xa, pero sobre todo debemos traballar pra conseguir que influencers falen dos temas que tratan habitualmente, e que o fagan en galego. Debemos promover a aparición de creadores de contido de todo tipo, que o presenten en galego.

Temos que facer así o galego atractivo e cercano; esa cordialidade lingüística da que fala o presidente da Xunta conséguese non pola recolocación do español na escola, senón pola estensión da presenza de contido de todo tipo en galego.

O mundo empresarial e profesional

Nesta área a énfase debe ser a do incremento do prestixio do galego. Temos que conseguir a complicidade da sociedade civil, e o entorno empresarial e profesional é fundamental pra esta angueira.

Hai que facerlles ver aos empresarios e aos profesionais que comunicarse en galego é útil e mellora a interacción cos clientes. Os médicos seguen a ser un grupo con ascendente social, e que un paciente escoite ó seu médico falar en galego outórgalle un plus de prestixio ao idioma. Pero ademais, os síntomas transmítense mellor en galego, e recomendamos neste senso lembrar o limiar de García Sabell á “Escola de Menciñeiros” de Álvaro Cunqueiro.

Esta liña de normalización do galego debe facerse, nefeuto, de xeito cordial, non impositivo, pero non dende a neutralidade, senón dende a discriminación positiva, dende a promoción proactiva. Dende o goberno pódese facer moito por promover o uso do galego neste entorno; poñemos dous exemplos:

  • a promoción e as axudas con subvencións á publicidade en galego
  • a recuperación do programa de promoción do verbario galego específico das diferentes profesións.

Inmigración

O incremento da poboación inmigrante pode ser unha das razóns do retroceso do galego. Pero se é así, significa que estamos fracasando no labor de prestixiar e darlle utilidade ao galego tamén neste grupo de persoas.

Bernardo Penabade leva tempo desenvolvendo un programa moi interesante con inmigrantes, que nos resumirá agora.

Eu mesmo teño un programa deseñado pra o colectivo latinoamericano, con varias liñas de traballo, que presentarei, se este grupo de dirección o considera oportuno, na Comisión correspondente que se ocupa de Inmigración e Relixión.

A posición xeral do Partido Galeguista é que os ouxetivos deste programa ultrapasan as posicións ideolóxicas; son unha cuestión de identidade nacional e orgullo propio. Débennos convocar a todos. E todos debemos estar á altura. Pola nosa banda, estamos ao voso dispor.

© Copyright 2024 Partido Galeguista