Xesús Manuel Suárez
Agradezo a presenza de tódalas autoridades e persoeiros. Pra min todos vostedes son persoeiros e doulles o mesmo recoñecemento a todos, pero permítanme amosar o meu especial aprezo a Iñaki Anasagasti, que foi voceiro do PNV no Congreso e viaxou dende lonxe pra traer a solidariedade do pobo vasco, e nesta mesma liña aprezo a presenza dos cónsules de Uruguai, Arxentina e Cuba. Pero moi sinaladamente quero recoñecer á Galicia do esterior e ás súas institucións, que acompañaron ombreiro con ombreiro ao Partido Galeguista nesta angueira que botou dous anos pra conseguir a realización deste acto; non teño tempo de nomear polo miúdo a esas institucións, pero están no escrito que no seu día remitimos á presidencia do Parlamento propoñendo esta celebración. Esas institucións non poden estar hoxe eiquí presentes i esa é a razón pola que o noso Francisco López Franco, “Chesqui”, está hoxe en Bos Aires pra celebrar con eles o aniversario do Consello de Galicia. Recoñezo finalmente a receptividade e o compromiso inquebrantable do Sr. Santalices pra levar á realidade este acto.
No xornada de memoria do nascemento de Castelao que organizou o P. Galeguista o 30 de xaneiro do 2022, o anterior presidente de Galicia, o Sr. Núñez Feijóo, dixo: “Eu non sería presidente de Galicia se non fose por Castelao”. Foi un recoñecemento natural; i é igoalmente natural que todos vostedes, persoeiros e representantes políticos de Galicia, recoñezan o mesmo porque sen Castelao non habería Xunta nin Parlamento. Por eso non teño dúbida de que, se o Sr. Feijóo seguise sendo presidente de Galicia, hoxe estaría eiquí en coherencia co seu rol institucional.
Castelao abreu o camiño pra traducir políticamente a nosa identidade como pobo, unha identidade que é unha riqueza pra tódolos galegos sen distinción, como resaltaba naquela mesma data o presidente do Parlamento.
A esa transversalidade quero apelar: pensamos diferente, temos modelos de país diferentes, pero temos unha responsabilidade compartida co país galego que non podemos delegar en ninguén. E logo, sendo diferentes como somos, ¿non temos algún anaco de camiño común que percorrer? ¿Non hai ningún entorno por pequeno que sexa no que poidamos turrar do mesmo lado? Tentémolo. Fágolles algunhas propostas.
Empecemos por Castelao. Se estamos eiquí é porque todos coincidimos en que é a sólida referenza do noso autogoberno. Non é unha momia a que queiramos beatificar. Beatificalo sería enterralo por segunda vez ¡Castelao segue vivo! A súa mensaxe segue viva. A Castelao non hai que subilo aos altares, hai que ler i escoitar a súa mensaxe política, porque ela deu lugar ó xurdimento das institucións nas que vostedes traballan cada día.
“Hai homes –di Castelao– que […] soñan con triunfar dispois de mortos, convertíndose en estatuas […] non se decatan de que o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideias en feitos.” Non percisamos estatuas, percisamos realidades políticas. Esas realidades hai que construilas con convición e orgulo de país. Castelao é certeiro: “Galiza sóio merecerá respeito cando abandonemos a nosa mansedume”.
Traio eiquí as miñas palabras no mesmo acto do 2022:
“O recoñecemento político da nosa identidade como pobo diferenciado non é unha xenerosa concesión do estado español, é a plasmación natural da nosa identidade nacional. Non somos nación porque o recoñeza a constitución española, a constitución española recoñece a Galicia porque somos nación.”
Temos unha identidade que non é subsidiaria de ningunha outra, i eso debe traducirse na forma en que facemos política, poñendo a Galicia en todo por diante e ocupando o espazo que nos corresponde na Península, na Unión Europea e no mundo, e facéndoo sen fachendosidade pero sen complexo de ningún tipo. A min, pra estar no mundo, chégame con ser galego.
E pra poder dicir esto susténtome no labor que tantos galegos fixeron polo mundo adiante, levando a nosa persoalidade coleutiva, o noso xenio, a nosa identidade a tódalas partes do mundo. É por eso que a Galicia do esterior non é un coleutivo espatriado, forma parte da esencia e a esistencia de Galicia. O 30 de xunio do 1940 escribía o noso presidente: “Hai tres días que deixei Nova York e vou cara o Sul, ao encontro da Galiza ideal, que é a mellor Patria que hoxe se me pode oferecer […] vou cara Bos Aires.”
Esa Galicia acolleu ao mellor do país e mantivo acesa por anos a nosa representación política democrática nos tempos da ditadura co Consello de Galicia, i esa é a razón pola que temos goberno da Xunta. Na longa noite de pedra de Celso Emilio a Galicia de alénmar mantivo acesa esa estreliña que brila ao lonxe de Cabanillas.
Galicia queda coutada, amputada, se só consideramos que vai de Padornelo a Fisterra. Esta convición temos que traducila políticamente, temos que inserir o conceuto da pangaleguidade deseñado polo noso presidente Xabier González, recentemente falecido. A Galicia do esterior non debe limitarse a ser o caladeiro de votos nas elecións; tén que ser protagonista da nosa vida política en pé de igoaldade co resto do país. O Partido Galeguista propón, xa que logo, que deseñemos instrumentos pra levar este criterio á realidade política; podemos, así, seguir o exemplo doutros países que reservan prá coletividade do esterior un cupo de representantes nalgunhas institucións, entre elas o Parlamento.
Durante séculos o noso pobo mantivo heroicamente os seus sinais de identidade, empezando polo seu idioma, mesmo sen contar con ningún tipo de instrumento político que o defendese. Hoxe que temos a Xunta e o Parlamento, paradóxicamente, estamos retrocedendo no uso do idioma; véxoo cada día na consulta, especialmente nos mozos e nos inmigrantes.
Miren, o devalar da lingoa non é só unha custión de ideoloxías: é unha emerxencia nacional, que nos debe sanicar a todos por riba de adhesións políticas. Antón Vilar Ponte deu no cravo cando dixo “A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal”.
Como continuadores de Castelao, os galeguistas convocámolos a todos vostedes a que tomen concencia da emerxencia nacional que nos está a estoupar diante da faciana e a que por unha vez superemos os coutos partidarios pra defender a nosa supervivencia como pobo diferenciado, porque a todos nos vai a vida nesto, a nosa e a dos nosos fillos.
Como Partido Galeguista apoiamos, xa que logo, a convocatoria do Pacto pola Lingua cunha perspetiva transversal na que non debe haber réditos políticos pra ninguén, porque quen tén que gañar é o país.
Con este criterio de transversalidade quero facer a nosa última proposta: No 2007 fomos incapaces de concretar unha necesaria reforma do Estatuto. Algo de retraso levamos. Propoñemos retomar este labor dende un criterio de consenso nas prioridades. ¿Non é posible identificar ouxetivos comúns nesa necesaria Reforma do Estatuto? A política non consiste só en liquidar ó contrario, senón en sentar na mesa dende a crara discrepancia pra construir consenso; ese é o xeito de facer país. Invito aos deputados deste Parlamento a que retomen a Reforma do Estatuto; pola nosa banda os galeguistas estamos dispostos a facer a nosa contribución como fixemos no 2007.
O próusimo ano cúmprense 75 anos do pasamento de Castelao: O P. Galeguista vaino celebrar como Ano de Castelao e invitamos a todos a que fagan o mesmo. Nó-no subiremos aos altares, nó-no beatificaremos, devolverémolo ao rente do chán pra iluminar a reconstrución e o progreso do noso país.
Agardo que pra entón poidamos facer un acto de celebración á outura que merece Castelao: no hemiciclo deste Parlamento, pra convocar a todo o pobo galego a relanzar con afouteza o impulso vital do Consello de Galicia pra facermos xuntos país.