O ceo de media Galicia tinguiuse de marrón, as nosas árbores esvaéronlle nunha tolemia de lume e os nosos soutos, fragas e outeiros esfrangulláronse en borralla. Perdemos paisaxe, perdemos riqueza, perdemos aire, perdemos país, e perdémolo todos, os ricos e os probes, os nacionalistas e os non nacionalistas, os da esquerda e os da dereita.
Por iso mesmo, a loita contra o lume non se pode construír cuns contra outros, porque a todos nos afecta e todos somos responsables de afrontala. É unha situación de emerxencia nacional que require unha política de país. Non podemos permitirnos o luxo de tirar proveito político, porque non hai ningún proveito que tirar. Convocamos así a tódalas forzas políticas a que recuperemos conxuntamente a perspectiva da responsabilidade compartida e conformemos entre todos un amplo consenso no que todos turremos do mesmo lado.
Agora xa é tarde pra esta vaga, pero debemos deprender que a loita contra o lume comeza no inverno, nunha política preventiva e de longo prazo, que inclúa:
- O mantemento da limitación á prantación de especies alleas, como o eucalipto, e a promoción de árbores do país, como o castiñeiro e o carballo, máis resistentes ao lume.
- Unha política que promova a rendibilidade do cultivo dos montes completando os ciclo produtivos no país.
- O afondamento na iniciativa do banco de montes, que permita o aproveitamento e coidado de terras abandonadas.
- O recoñecemento da titularidade viciñal dos montes en man común e o apoio activo por parte da administración á súa esplotación.
- A recuperación da poboación rural con medidas promotoras de asentamento.
- A mellor dotación de recursos humanos e materiais. Nese senso volvemos apelar á conformación dunha política de consenso en áreas sensibles, neste caso unha política de estado, que evite a limitación na dotación de orzamentos pola incapacidade pra aprobar os orzamentos anuais.
16 de agosto do 2025



Sen comentarios