Castelao e a disxuntiva do PP

Castelao e a disxuntiva do PP

“Se non fose por Castelao, eu non sería presidente de Galicia”. Quen así falaba, non era un presidente nacionalista, senón o Sr. Feijóo nun acto de recoñecemento a Castelao organizado polo Partido Galeguista hai tres anos. E continuou: “E se non houbesen asasinado a Alexandre Bóveda, a historia de Galicia sería diferente”. Nese acto eu acababa de concitar a todos a recoñecer con naturalidade a verdade da nosa propia historia, da que formaba parte sobranceira Castelao.

O Sr. Rueda vén de presentar outra posición no PP: pra el, Castelao non foi o primeiro presidente democrático de Galicia. Ningún militante do PP vasco ou catalán se atrevería a dicir o mesmo de Leizaola ou de Tarradellas, ningún, porque xa non se trata dun debate ideolóxico, senón da sinxela asunción da historia do país, e sinaladamente do seu decurso democrático preservado no exilio.

O Sr. Rueda non está a sentenciar sobre a historia de Galicia, está a decidir a historia do seu partido. O PP está na disxuntiva de escoller que identidade decide pra si, porque as dúas pólas están aí dende hai tempo: a que recolleu o Sr. Feijóo e defenden algúns persoeiros e non poucos alcaldes do PP, que asumen a historia democrática de Galicia dende Castelao, ou a do Sr. Rueda.

A esta segunda non lle fallan antecedentes. Poucos lembran as fondas reticencias do Sr. Fraga Iribarne co tíduo VIII da Constitución española, “cheo de riscos pra o futuro” nas súas palabras. Iso non lle impediu postularse anos despois pra presidente da Xunta de Galicia, a entidade xermolada na cabeza e o corazón dos próceres da democracia e o autogoberno galegos, Castelao e Bóveda.

O PP está en todo o seu dereito de elixir responsablemente unha das dúas posicións, pero o que dende logo non poderá, se segue a do Sr. Rueda, é ir pola vida de galeguista. Ser galeguista non é un slogan pra gañar votos: é un xeito de estar no mundo e na política, comprometido por riba de todo e sen concesións con Galicia e ca súa historia. Nesa historia, non hai dúbida, Castelao foi o seu primeiro presidente democrático, nun tempo no que a representación democrática de Galicia fora arrasada pola ditadura e se mantiña preservada no exilio da Galicia do Alén-mar. Renegar da historia do país é poñerse fóra dela e incapacitarse pra transformala. Por; D. Xesús Manuel Suárez García

Compartir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a túa experiencia de navegación e analizar a actividade do sitio. Podes aceptar todas as cookies ou configurar as túas preferencias. View more
Aceptar
Rechazar